O BNG lembra a Ramallo o acordo plenario sen executar para crear un espazo de autocaravanas en Marín

Marín
14 de xuño 2022

Lucía Santos, voceira municipal do BNG en Marín, manifesta que "pasa o tempo e o goberno do PP segue sen executar o acordo plenario, deixando o noso concello sen un importante servizo que aposta por unha modalidade de turismo sustentable e repercute na economía local". Considera que o atraso de máis de dous anos responde á "deixadez e falta de xestión" do goberno da alcaldesa María Ramallo

Autocaravanas circulando
Autocaravanas circulando / Mónica Patxot

Lucía Santos, portavoz municipal do BNG de Marín, mostra a súa preocupación polo atraso na creación dunha área para autocaravanas no municipio. A representante nacionalista afirma que esta modalidade de turismo aumentou exponencialmente durante os últimos anos incrementándose como consecuencia da pandemia ata o punto de que a demanda de alugueiro destes vehículos supera a oferta existente.

Lembra que, en febreiro de 2020, o BNG presentaba unha moción no pleno solicitando a creación dun espazo para o estacionamento de autocaravanas, que foi aprobada por unanimidade, coa idea de dotar a Marín deste servizo demandado para potenciar o sector turístico, "xerando unha importante fonte de ingresos na economía local".

Pero o atraso de máis de dous anos leva a que Lucía Santos lamente a falta de execución do acordo plenario e considera que se trata dunha "mostra máis do deixamento e falta de xestión que vén mostrando o goberno de María Ramallo". Expón que a falta dun espazo para autocaravanas está a crear problemas cun "asentamento ilegal" na contorna de Portocelo.

A representante do BNG indica que Marín conta con recursos espectaculares que deben ser postos en valor e demanda a dotación de servizos para fomentar o turismo sostible. Acusa o goberno do PP de mostrar falta de ideas e de interese para implementar medidas que dinamicen social e economicamente o municipio.