O BNG leva ao Congreso a seguridade da N-541 en Calvelo

Cerdedo Cotobade
21 de outubro 2021

O grupo nacionalista convocou unha concentración de protesta o vindeiro sábado 23 de outubro en Calvelo para demandar melloras na accesibilidade e seguridade da estrada nacional

Ernesto Filgueira, na zona da N-541 de Calvelo na que reclama unha mellora da seguridade
Ernesto Filgueira, na zona da N-541 de Calvelo na que reclama unha mellora da seguridade / BNG de Cerdedo-Cotobade

O Bloque Nacionalista Galego defenderá no Congreso dos Deputados a necesidade de mellorar a accesibilidade e seguridade da estrada Nacional 541 ao seu paso por Calvelo, en Cerdedo-Cotobade.

Segundo avanza a formación local, o deputado Néstor Rego reclamará en Madrid que se habilite un paso elevado por encima do vial que comunique a parroquia, que se cre un carril de incorporación en dirección Ourense e que se habilite unha pasarela peonil paralela á estrada que garanta a seguridade aos peóns entre Calvelo e Tenorio.

Aos problemas de inseguridade que supón o tráfico dunha estrada como a N-541, únese segundo o BNG unha estreita beiravía e unha marquesiña de autobuses que se asolaga cando chove.

Rego, anuncia o BNG, acudirá o vindeiro sábado 23 de outubro a Cerdedo-Cotobade para manter unha reunión cos veciños e posteriormente participar nunha concentración de protesta convocada ás 12.00 horas á altura do almacén de Celso Míguez para demandar a mellora "urxente" da seguridade na zona.

Ademais a formación defende que "vai seguir insistindo con todas as nosas forzas até lograr que o ministerio de Fomento poña solucións", asegura o seu portavoz local, Ernesto Filgueira.