O BNG manterá unha "posición aberta" para posibles pactos "sen descartar" gobernar en solitario

Pontevedra
28 de maio 2019

Segundo explicou Raimundo González "pode haber conversacións co Partido Socialista" aínda que sinala que "non descartamos tampouco gobernar en solitario", e mesmo indicou que "non están  predeterminadas tampouco nin as áreas de goberno" en relación coas persoas que saíron elixidas como concelleiras

Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra / Mónica Patxot

O portavoz do goberno local, Raimundo González, asegurou que a día de hoxe no BNG de Pontevedra "non hai nada predeterminado" de cara ao próximo mandato municipal e que manteñen unha "posición aberta" para posibles pactos "sen descartar" gobernar en solitario.

Segundo explicou Raimundo González, "pode haber conversacións co Partido Socialista" aínda que sinala que "non descartamos tampouco gobernar en solitario", e mesmo indicou que "non están predeterminadas tampouco nin as áreas de goberno" en relación coas persoas que saíron elixidas como concelleiras.

Cunha excepción que si teñen "predeterminada" no Bloque, a persoa que debe asumir a Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

No BNG teñen prevista unha reunión esta semana para "analizar os resultados" das eleccións municipais e determinar "que liñas imos seguir".

Nese encontro interno "o que imos facer é planificar os catro anos que veñen, polo tanto non imos tomar unha decisión rápida e inmediata", advertiu Raimundo González.

"Teremos que analizar todas as posibles consecuencias", engadiu, "e a partir de aí tomaranse as decisións que correspondan".

Para este mércores está anunciada unha reunión da executiva do BNG a nivel galego e despois no ámbito local manterán os encontros pertinentes.