A portavoz do BNG, Marga Caldas, reiterou este martes na Comisión de Urbanismo as queixas dos veciños da rúa de la Iglesia de Raxó, solicitando a limpeza e retirada dos residuos acumulados nunha leira lindeira ás vivendas, situada no camiño da Igrexa e a PO-308.
O BNG afirma que esta situación esta a provocar unha "gran preocupación" entre a veciñanza da zona dado que están a sufrir un "problema de salubridade que vai en aumento dado que a parcela está a converterse nun vertedoiro".
Esta situación foi comunicada ao Concello de Poio o pasado 19 de marzo e reiterada na pasada Comisión do día 2 de abril, na que o edil de Medio Ambiente afirmaba que se estaban retirando os residuos do terreo.
Marga Caldas asegurou que "a día de hoxe, a pesar das afirmacións do concelleiro delegado, seguen depositando todo tipo de residuos na parcela".
A portavoz nacionalista manifestou que "o goberno local non sabe si o titular foi requirido", uns feitos que, ao seu xuízo, "demostran a falta de atención e deixamento do goberno do PP de Poio respecto da veciñanza de Raxó".
Ante este "claro abandono e inacción do equipo de goberno de Ángel Moldes", desde o BNG instan o goberno local a que exerza as súas obrigas en materia de medio ambiente, "dado que existen ferramentas legais para poder solucionar esta situación".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.