O BNG pide explicacións á Xunta por nomear directora xeral de Calidade Ambiental á parella dun directivo de ENCE

Pontevedra
05 de setembro 2024

O BNG pide á Xunta que rectifique o nomeamento de María José Echevarría. Considérano "escandaloso e reprobable" porque é a parella do director de Ence para Galicia, Antonio Casal. "Terá que intervir en procedementos que lle afectan directamente á empresa do seu compañeiro", sinalan 

Luis Bará, deputado do BNG no Parlamento galego
Luis Bará, deputado do BNG no Parlamento galego / BNG

O BNG pide explicacións á Xunta de Galicia e demándalle que rectifique o nomeamento da nova directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría. 

O motivo que leva aos nacionalistas a facer esta petición é que considera "escandaloso e reprobable" este nomeamento porque Echevarría é a parella do director de Ence para Galicia, Antonio Casal.

Ademais, ven "sospeitoso" o cesamento de Ramón Martínez Voga só catro meses despois de acceder ao cargo.

O BNG rexistrou este xoves un conxunto de iniciativas sobre este asunto e o viceportavoz segundo do BNG, o pontevedrés Luís Bará, sinalou que este nomeamento pon de manifesto a "connivencia entre a Xunta e as grandes empresas do lobby enerxético e pasteiro".

Para Bará, este nomeamento tamén pon de manifesto "a relación privilexiada entre a Xunta do PP , Rueda en particular, con Ence", evidenciando as "portas xiratorias de dobre dirección entre o PP e Ence".

"Estamos ante un exemplo manifesto de conflito de intereses e de incompatibilidade polas actividades empresariais do seu marido", sinala Bará.

A nova directora xeral "terá que intervir en procedementos que lle afectan directamente á empresa do seu compañeiro", sinalan desde o BNG. Como exemplo, falan da autorización ambiental integrada, o proxecto de interese autonómico de ampliación das instalacións de Lourizán (actualmente en tramitación), o seguimento do  pacto ambiental asinado entre a Xunta e Ence, ou o novo proxecto industrial que promove esta empresa nas Pontes.

Igualmente, sinalan que terá intervir e informar sobre proxectos industriais da competencia de Ence.