O BNG pide garantías á Xunta para que o IES Illa de Tambo comece o curso con normalidade

Marín
10 de setembro 2019

As obras están obrigando ao persoal a xestionar as matriculas desde unhas mesas instaladas na beirarrúa, denuncia a deputada Montse Prado

Mesas instaladas na beirarrúa polas obras no IES Illa de Tambo
Mesas instaladas na beirarrúa polas obras no IES Illa de Tambo / BNG

O BNG levou ao Parlamento a situación de "precariedade" na que están a realizar o seu traballo os profesionais do IES Illa de Tambo en vésperas do inicio de curso escolar, literalmente con mesas na rúa, debido a unhas obras que se están a realizar no centro por parte da Consellería de Educación.

A deputada do Bloque Montse Prado, autora da iniciativa rexistrada este martes na Cámara, presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para que o goberno da Xunta tome as medidas precisas para que a "falta de planificación na realización das obras" do IES Illa de Tambo non signifique ningún prexuízo para a comunidade educativa e garanta o inicio do curso escolar con normalidade para o alumnado.

O pasado 10 de maio, Educación e Ordenación Universitaria licitou unhas obras de rehabilitación integral do centro que consisten en melloras na eficiencia enerxética, renovación dunha sala de caldeira de biomasa, illamento da fachada, cuberta do ximnasio e substitución de fiestras.