O BNG pide o voto para acabar coa contaminación acústica da AP-9 en Poio

Poio
14 de xullo 2023

A candidata nacionalista Sabela Bará sostén que "cun grupo galego forte en Madrid poderemos, dunha vez por todas, solucionar o grave problema da  contaminación acústica da AP-9 ao seu paso por Poio"

O BNG pide medidas para acabar coa contaminación acústica da AP-9 en Poio
O BNG pide medidas para acabar coa contaminación acústica da AP-9 en Poio / BNG

A candidata ao congreso do BNG pola provincia de Pontevedra Sabela Bará desprazouse até o Peirao da Barca, acompañada da portavoz municipal do BNG, Marga Caldas e de militantes do BNG de Poio, para demandar que se poña fin ao grave problema da contaminación acústica da AP-9 nese e noutros espazos de Poio, onde teñen que soportar un "ruído infernal" día e noite os 365 días do ano.

“Cun grupo galego forte en Madrid, cun grupo galego con capacidade de decisión, poderemos conseguir que se solucione unha demanda histórica do vecindario e do concello de Poio. Porque non é de recibo que unhas vivendas situadas a 25 metros da autoestrada teñan que soportar no día a día este ruído”, afirmou a candidata nacionalista.

A portavoz municipal do BNG, Marga Caldas, lembrou que o BNG levou da man do deputado nacionalista, Nestor Rego, esta problemática ao Congreso, atopando sempre a negativa das forzas políticas centralistas. "Para que se constrúa a pantalla vexetal que amortígüe o ruído da AP-9, precisamos ter máis deputados e deputadas, ter máis forza, ter un grupo galego forte con capacidade para incidir nas políticas do Estado, e que o noso país conte, que se dean solucións aos nosos problemas e ás nosas demandas”, pediu.