O BNG pide traspasar a xestión do parque forestal ante o "incumprimento" do convenio por parte da Xunta

Vilaboa
18 de decembro 2020

O estado de abandono do parque forestal de Castiñeiras foi tema de debate na comisión celebrada este venres no Parlamento Galego. O deputado do BNG, Paulo Ríos, explicou que a Xunta está "incumprindo a súa xestión de mantemento, limpeza e reparacións do parque"    

Paulo Ríos, concelleiro do BNG
Paulo Ríos, concelleiro do BNG / BNG

O estado de abandono do parque forestal de Castiñeiras foi tema de debate na comisión celebrada este venres no Parlamento Galego. O deputado do BNG, Paulo Ríos, explicou que a Xunta está "incumprindo a súa xestión de mantemento, limpeza e reparacións do parque".

Tal e como lembrou o nacionalista, existe un convenio entre a Comunidade de Montes, propietaria do espazo, e a Xunta por trinta anos establecendo a responsabilidade da Xunta para o mantemento. Desta forma e ante o "incumprimento reiterado do convenio", reclama unha solución para que non sexa só a Comunidade de Montes a que continúe correndo cos gastos do parque. Ao seu entender, "a solución pasa polo traspaso da xestión do parque, de 20 hectáreas, a mans da Comunidade de Montes".

Así mesmo, tamén reclama unha valoración da Xunta sobre os traballos realizados e a realizar para mellorar o parque así como o cumprimento do convenio, xa que considera que actualmente o mobiliario está danado, hai puntos de lixo descontrolados, non se fan as podas e limpeza con periodicidade e non se acometen obras para mellorar o espazo. É por iso que, no caso de continuar a Xunta incumprindo o acordado "o convenio debe reverter os terreos aos propietarios de montes".

Por último, Ríos reitera que "a Xunta desatende as súas obrigas" e os traballos de mantemento están a ser asumidos pola Comunidade de Montes nun espazo que abarca os concellos de Marín e Vilaboa e require "unha atención que non está tendo". Por iso, engade que "se a Xunta continúa co seu desleixo debe dar por concluído o convenio e trasladar a xestión do parque forestal de Castiñeiras á Comunidade de Montes de Vilaboa".