O BNG presenta en Pontevedra o seu proxecto de lexislatura baseado na defensa da sanidade e o ensino público

Pontevedra
10 de setembro 2020

O portavoz do grupo parlamentario, Luís Bará, mostrou a súa preocupación polas dificultades que atravesa o servizo de Atención Primaria nos centros de saúde, así como a necesidade de máis profesores nos centros educativos e a problemática da xestión dos comedores escolares

O BNG presenta en Pontevedra o seu proxecto de lexislatura
O BNG presenta en Pontevedra o seu proxecto de lexislatura / BNG

O grupo parlamentario do BNG presentou este mércores en Pontevedra a súa liña de traballo para a nova lexislatura na que exercerán como o principal partido da oposición. Os nacionalistas avanzaron que exercerán unha oposición crítica, esixente e responsables ás políticas do PP, que consideran lesivas para os intereses da comarca pontevedresa.

O portavoz da agrupación explicou tamén as propostas que tentarán poñer en marcha durante o próximos catro anos que pasan por impulsar a actividade económica, o benestar e a xustiza social da cidadanía.

Outros aspectos que deixaron claros neste acto foron os asuntos prioritarios para este novo ciclo político, que son a sanidade, o ensino público e o emprego. 

"É prioritario recuperar a atención presencial na atención primaria (centros de saúde e PACs) e frear ou deterioración constante deste servizo básico dotándoo de máis medios humanos", defenden os nacionalistas que manterán contactos nos próximos días con colectivos de profesionais e pacientes.

Realizar un seguimento da situación nas residencias de anciáns, centros de día ou servizo de axuda no fogar será tamén un alicerce fundamental, así como a construción do novo Montecelo ou mellores centros de saúde nos municipios da comarca.

Sobre o ensino público, o BNG defenderá que a Xunta asuma a xestión sanitaria dos centros, máis profesorado, menos alumno por aula, reforzo da educación especial, medidas de conciliación, compensación dos sobrecustos dos comedores escolares que xestionan as anpas, reforzo do persoal de limpeza, máscaras gratis para o alumnado e asegurar a formación online gratuíta e igualitaria en case dun novo confinamento.

En materia de emprego, os nacionalistas prestarán especial atención ao impacto económico da crise nos sectores máis afectados e á necesidade impulsar medidas de apoio e reactivación dirixidas ás persoas autónomas, o comercio, o turismo, a cultura ou o lecer.

Tampouco se esquecen no principal partido da oposición de tarefas pendentes como o saneamento da ría, a dragaxe do Lérez, a mellora da rede viaria, a reforma da residencia de Campolongo ou a mellora do servizo de atención ás emerxencias.