Carme da Silva, candidata do BNG por Pontevedra ás vindeiras eleccións xerais do 23X, avanzou este domingo que o seu partido presionará ao futuro Goberno que saia desta cita coas urnas para que "saque do caixón" a prometida Vía Verde entre Arcade e Pontevedra.
Así o defendeu en Arcade, onde estivo acompañada por integrantes das corporacións municipais de Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa, vilas polas que pasaría esta vía peonil e ciclista.
Da Silva recordou que, a pesares de que o Goberno central abriu en 2021 unha porta á construción desta senda coa desafectación das vías ferroviarias agora en desuso, "non se deron pasos adiante para que a vía sexa unha realidade".
Ante esta situación, o BNG levará de novo ao Congreso esta demanda histórica.
Para teren máis forza, a candidata nacionalista reivindicou a necesidade de que tras este 23X exista un "grupo galego forte do BNG" na cámara baixa, "para que Galicia conte" dentro do panorama político nacional e se dean solucións ás peticións que se formulen.
"Nós dende o BNG apostamos por unha mobilidade segura e sustentable. Para iso precisamos ser determinantes no Congreso, para condicionar a política do Estado en favor de Galicia, para deixarmos de estar discriminados", sentenciou Carme da Silva.
Insistiu en que o seu partido “representa a diversidade e a pluralidade da sociedade galega".
De aí que Da Silva pedira que todas e todos os que lle queren ao país se convertan "no motor de cambio que asegure un grupo galego forte en Madrid para rachar co bipartidismo que ate agora teimou na desatención das necesidades da nosa veciñanza".