O BNG reclámalle á Xunta as melloras pendentes do Camiño Portugués

Pontevedra
28 de febreiro 2017

O tramo pontevedrés do Camiño de Santiago contén un total de 11 puntos negros repartidos pola provincia que supoñen un perigo para os peregrinos. Dous deles atópanse na cidade de Pontevedra

Peregrinos polo Camiño portugués a Santiago
Peregrinos polo Camiño portugués a Santiago / Mónica Patxot

O BNG, a través do parlamentario pontevedrés Luis Bará, presentou ante o Parlamento galego unha proposta para instar á Xunta a mellorar os puntos negros do Camiño Portugués ao seu paso por Pontevedra. En 2014, o executivo galego comprometeuse a incrementar a seguridade dos tramos considerados perigosos para o peregrino pero dende entón, denuncia Bará, "nada máis se soubo".

Entre outras solucións, dende o BNG piden a mellora da promoción, das infraestruturas e servizos, da sinalización e sobre todo das condicións de seguridade viaria e de accesibilidade do traxecto. Luis Bará fai especial fincapé no estado do camiño en zonas urbanas e propón que se estude o desenvolvemento dun plan de mobilidade ciclista para fomentar a realización do Camiño en bicicleta.

Un total de 11 puntos negros no tramo pontevedrés foron presentados ante o Parlamento, dous deles na cidade do Lérez. Trátase do seu paso por San Caetano-Alba pola estrada PO-225, onde a densidade do tráfico, a ausencia de beirarrúa e o paso por unha ponte sen protección poñen en perigo a aqueles peregrinos que elixan este traxecto da ruta, principal alternativa ao tradicional Camiño Inglés.

O outro tramo conflitivo sitúase na entrada de Pontevedra pola estrada de O Marco-Tomeza-Figueirido, que naceu como resposta á súa ocupación pola liña de alta velocidade que discorre en paralelo á senda do Gafos. A intersección da N-550 en Caldas e o percorrido entre Curro e San Amaro no Concello de Barro son outros dos puntos a estudar en el entorno de Pontevedra.

Por iso, o BNG presentará un plan de acción que, liderado pola Xunta e as demais administracións implicadas, mellore, entre outras cuestións, as condicións de seguridade dunha opción que foi elixida por 52.000 persoas durante o ano pasado.