Este martes finalizaba a campaña de recollida de firmas que o BNG de Soutomaior levou a cabo para esixir á Xunta de Galicia que finalice cos recortes na sanidade pública no municipio.
Segundo a formación nacionalista, cincocentas persoas apoiaron a iniciativa que agora será trasladada ao Parlamento de Galicia.
Lembran que nunha reunión entre Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, e o xerente da área sanitaria, José Flores, o dirixente sanitario comprometeuse a dotar ao centro de saúde de Arcade cun médico máis a principios de 2024. O BNG sinala que en xuño aínda non se cumpriu esta promesa efectuada en xullo de 2023.
A esta situación súmase que Soutomaior carece de servizo de pediatría desde hai máis de ano e medio, unha vez que deixou de cubrirse a baixa de longa duración da anterior facultativa que realizaba as tarefas de atención aos pacientes infantís no centro de saúde.
Esta carencia provoca, segundo indican, a que os familiares se vexan obrigados a trasladar os menores enfermos a Pontevedra ou a contratar seguros privados.
José Costas, responsable local do BNG, denuncia o "silencio cómplice do PP de Soutomaior" a quen acusa de non levantar a voz para denunciar este problema.