O BNG solicita a documentación sobre a contaminación por mercurio dos terreos de ELNOSA e ENCE

Pontevedra
03 de maio 2021

O deputado Luís Bará presentou unha solicitude para que o goberno envíe ao parlamento todos os estudos, informes e analíticas referidas á contaminación por mercurio dos terreos de ELNOSA e ENCE e sobre os potenciais riscos para a saúde humana, para as augas superficiais e subterráneas e para a ría

Luís Bará, deputado do BNG Mónica Patxot

O BNG presentou unha batería de iniciativas parlamentares en relación coa contaminación por mercurio dos terreos de ELNOSA e ENCE e os potenciais riscos para a saúde humana, para a ría e para o medio.

O deputado nacionalista Luís Bará defenderá o vindeiro xoves día 6, na comisión de medio ambiente, unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a dar a coñecer todos os informes relacionados co proceso de desmantelamento e descontaminación dos terreos que ocupou a factoría de ELNOSA, en particular as análíticas que poñen de manifesto uns niveis elevados de contaminación por mercurio.

O BNG tamén propón elaborar e aprobar un plan de vixilancia e control do solo e das augas superficiais e subterráneas do complexo industrial de Lourizán, así como adoptar todas as medidas necesarias para protexer a poboación, as augas da ría e os bancos marisqueiros.

O BNG solicitou a comparecencia da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático na comisión parlamentaria de medio ambiente que foi rexeitada polo PP, de aí que o BNG presentase a proposición non de lei que será debatida nesa comisión.