O borrador do regulamento de participación cidadá da oposición, listo a próxima semana

Pontevedra
09 de xaneiro 2016

A finais da próxima semana, os catro partidos da oposición -Partido Popular, PSdeG-PSOE, Marea e Ciudadanos- esperan ter terminado un primeiro borrador do regulamento de participación cidadá, un dos primeiros documentos que entenden son necesarios para cambiar as "regras do xogo" da corporación municipal

Xuntanza dos voceiros da oposición no Concello
Xuntanza dos voceiros da oposición no Concello / PontevedraViva

A finais da próxima semana, os catro partidos da oposición -Partido Popular, PSdeG-PSOE, Marea e Ciudadanos- esperan ter terminado un primeiro borrador do regulamento de participación cidadá, un dos primeiros documentos que entenden son necesarios para cambiar as "regras do xogo" da corporación municipal.

Así o avanzaron Jacobo Moreira, Agustín Fernández, Luís Rei e María Rei que, a instancias desta última, reuníronse este venres en dependencias municipais para avanzar no contido deste regulamento de participación.

Segundo sinalaron a PontevedraViva ao remate deste encontro, entre os dous documentos sobre os que se están traballando inicialmente, un redactado polos socialistas e outro por Marea, hai unha coincidencia "moi elevada", polo que ambos os textos de refundirán nun só, incluíndo as propostas que presenten nos próximos días tanto o Partido Popular como Ciudadanos.

A intención da oposición, que unha vez máis se reuniu coa ausencia do BNG, é remitir este borrador ás forzas vivas da cidade para que poidan facer tamén as súas achegas ao documento que prevén presentar.

Ademais, tamén se convocará unha reunión á que se convidará non só ás asociacións de veciños, senón tamén aos colectivos empresariais, sindicatos e entidades de relevancia social para presentarlles persoalmente este proxecto de regulamento de participación cidadá e recoller as suxestións e ideas que desexen incorporar ao mesmo.