O boxeo como ferramenta na loita contra a violencia de xénero formará parte do congreso sobre igualdade de In.Xurga

Pontevedra
11 de febreiro 2020

O congreso 'Loitando por unha sociedade máis igualitaria' vai desenvolverse o venres 14 e o sábado 15 no Pazo da Cultura de Pontevedra, un evento organizado pola asociación de xuristas galegos pola inclusión das persoas con discapacidade de dependencia  

Pazo da Cultura
Pazo da Cultura / Concello de Pontevedra

'Loitando por unha sociedade máis igualitaria', con este título o venres 14 comezará no Pazo da Cultura o congreso sobre igualdade organizado por In.Xurga, a asociación de xuristas de Galicia pola inclusión das persoas con discapacidade de dependencia.

Durante dous días, o programa vai centrarse no terreo da muller e a violencia de xénero e tamén en cuestións relacionadas coas persoas de idade avanzada.

Entre os puntos máis destacados da programación desenvólvese un obradoiro de boxeo, impartido por David Burgos, como fórmula para loitar contra a violencia de xénero. A campioa de España de forma de boxeo 2018 e 2019, Uxía Silva Ruibal, realizará unha exhibición. Ademais, a tamén subcampioa de España de shoolgrills 2019 analizará a situación da muller na súa loita por estar na primeira liña da actividade deportiva.

Haberá ponencias, entre outros contidos, sobre a muller e os movementos sociais en Galicia, a terapia asistida con animais durante a discapacidade e un obradoiro sobre a adaptación de textos á lectura fácil.

O director de cine Nani Matos presentará ás 12.00 horas do sábado 15 a súa curtametraxe 'Flores para Amalia', cun debate posterior á proxección da película sobre a soidade durante a vellez.

A inscrición para participar neste congreso pode realizarse a través de http://www.actiweb.es/inxurga/servicios.html