O Burgo estrea o seu novo local social no Estadio Municipal de Pasarón

Pontevedra
24 de novembro 2019

Cuns meses de atraso sobre os prazos inicialmente previstos pero os veciños do barrio do Burgo xa poden gozar desde este sábado do seu novo e vistoso local social, no que se investiron preto de 600.000 euros

Inauguración do novo centro social do Burgo
Inauguración do novo centro social do Burgo / Diego Torrado

Cuns meses de atraso, pero os veciños do barrio do Burgo poden gozar ao fin do seu novo local social.

A pesar de que as obras para habilitar o local finalizaron no verán, a tramitación para poder ocupalo estendeuse ata a inauguración oficial celebrada este sábado coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

A partir de agora o barrio conta cunhas modernas instalacións multiusos, que están situadas nunha das esquinas do Estadio Municipal de Pasarón, pero que contan con entrada independente para o seu bo funcionamento.

O novo centro social do Burgo conta con climatización, conexión informática, mobiliario, proxectores e unha cociña, entre outros equipamentos.

Nas obras desta instalación o Concello de Pontevedra investiu preto de 600.000 euros.