O cadro que pintou Manuel Torres durante a pandemia de 1918 xa está no Museo

Marín
01 de decembro 2020

A recepción do cadro foi presidida pola alcaldesa, María Ramallo; a concelleira Itziar Álvarez, o pintor Antón Sobral, colaborador na programación do Ano Torres, e a restauradora encargada de realizar os traballos sobre esta pintura, Eva Fontoira

Recepción no Museo do cadro pintado por Manuel Torres durante a pandemia de 1918 Concello de Marín

O Museo Torres incorporou o cadro pintado polo artista marinense durante a pandemia da gripe de 1918. Trátase da reprodución da obra de Murillo, Los niños comiendo pasteles.

A recepción do cadro foi presidida pola alcaldesa, María Ramallo; a concelleira Itziar Álvarez, o pintor Antón Sobral, colaborador na programación do Ano Torres, e a restauradora encargada de realizar os traballos sobre esta pintura, Eva Fontoira.

Ramallo destacou que se trata dun traballo "excepcional" e recordou que o Ano Torres, previsto con multitude de actividades, terá que rematar cunha axenda aínda pendente que se irá desenvolvendo ao longo do próximo ano.

A restauradora indicou que o cadro debeu estar, polas marcas que se lle revelaron durante o traballo de restauración, envolto durante un tempo sobre si mesmo.

"Despois, alguén con bo criterio o estirou sobre unha superficie plana, o que permitiu que se conservase mellor", engadiu.

Para a súa recuperación foi necesario facer un tratamento a nivel cromático pola afectación dos vernices e pola falta dalgúns extractos por rozaduras.