Óscar Quintana, xefe de sala do restaurante Culler de Pau do Grove, foi nomeado como Camareiro do Ano 2016, tras o certame celebrado no marco da feira Alimentaria, que acolle estes días a cidade de Barcelona.
Para el, este recoñecemento é unha "lombeirada" ao labor do persoal de sala que, segundo lembra, "é fundamental para que o cliente se senta a gusto, e que esixe grandes calidades no profesional, ademais de técnica, destreza, cortesía, humildade, xenerosidade, amabilidade e intelixencia emocional, porque a conexión co cliente para saber o que busca é básico para que quede satisfeito".
Natural de Santiago de Compostela, Óscar Quintana traballou nos Paradores de Turismo de San Marcos (León) e Zamora e no Hostal dos Reis Católicos da capital galega e desde hai uns meses desempeña o seu labor profesional en Culler de Pau.
O seu titular, Jorge Olleros, destacou que este premio, ademais de recoñecer a "gran valía e profesionalidade" de Óscar Quintana, serve para poñer en valor e sinalar a importancia do traballo desenvolvido polos camareiros, "dos que depende o 60% do éxito do local".
Para lograr este recoñecemento, que leva aparellado un premio en metálico de 2.000 euros, Quintana tivo que superar unha dura xornada repleta de probas.
Entre elas, tivo que competir en diferentes avaliacións das súas habilidades e aptitudes como a demostración de coñecementos de hostalería, a montaxe de mesas tematizadas, unha cata de viño, a elaboración dun cóctel combinado con Coca-Cola, un servizo simultáneo de cafés, un tiraje de cervexa e a elaboración da súa tapa correspondente.
Desde Culler de Pau sinalan que o recoñecemento a Óscar Quintana é tamén un recoñecemento a Galicia e unha demostración de que "desde un pequeno recuncho do noso territorio se pode chegar a todo o mundo se se traballa con paixón, ilusión e ganas".