Coincidindo coa posta do mercado de abastos na nova localización na Rúa Progreso, desde primeira hora deste venres entrará en vigor o cambio de tráfico previsto na Rúa Madrid. O vial será de saída do municipio a partir deste intre permitindo a circulación continua de vehículos en dirección Pontevedra ata a rotonda de Progreso.
Ata o de agora, ao chegar ao cruzamento coa Rúa Constitución era obrigatorio que os coches virasen á esquerda para incorporarse á Rúa Progreso se querían saír de Sanxenxo.
Operarios municipais comezaron o martes co pintado da nova sinalización horizontal ante a previsión de choiva para mañá, pero non será ata o venres cando entre en vigor o cambio de tráfico que tamén estará acompañado por sinalización vertical.
O goberno local acordou adiantar o cambio para dar maior fluidez ao tráfico na zona, agora que xa non está o mercado en funcionamento. A Policía Local reforzará tamén coa súa presenza a modificación de tráfico o vindeiro venres.
NOVO MERCADO
En canto ao novo mercado, o traslado quedará completado o xoves pola mañá para proceder, pola tarde, a unha limpeza xeral de todas as instalacións e poder abrir o este venres.
A nova localización conta cun espazo delimitado para clientes do mercado no aparcamento disuasorio que se sitúa xusto á beira en horario de actividade da praza.