A Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias e a Asociación Érguete están a poñer en marcha un programa de intervención no módulo ordinario do centro penitenciario de A Lama para acompañar a 22 persoas no seu camiño para abandonar as adiccións.
As sobredoses de drogas son a primeira causa de mortalidade nos centros penitenciarios españois, de maneira que as adiccións son, polo tanto tanto, un gran risco entre as persoas privadas de liberdade e por iso é polo que se puxo en marcha este programa.
Un equipo de Érguete está a compartir dende abril sesións grupais cos internos para tratar da maneira máis eficaz as súas situacións.
A educadora social do Programa de Integración Social (PFIS) de Érguete, Ana Vázquez, explica que o traballo con eles consiste en coñecer os inicios do consumo e o percorrido ata o momento actual para confeccionar o mellor plan para manter a abstinencia.
Trátase dun proceso "moi complicado", xa que teñen que mellorar a súa xestión emocional e autoestima nunha situación moi complicada e de alto risco.
Dende o equipo PFIS tamén explican que unha das chaves para que as persoas privadas de liberdade fuxan das adiccións é o establecemento de rutinas e de redes de apoio que os axuden a sobrelevar os peores momentos da abstinencia. "En prisión non é doado, pero eles o están a conseguir", conclúe Ana Vázquez.
As persoas usuarias tamén contaron coa axuda do psicólogo da Asociación Érguete, Rodrigo Alonso, para traballar a súa xestión emocional e o control de impulsos. O experto explica que a adquisición de competencias emocionais é "moi importante" para preparar ás persoas privadas de liberdade para a vida lonxe das adiccións e fóra da prisión.