O camiño entre A Freixa e Ostreira, en San Xoán de Poio, xa está reformado

Poio
19 de novembro 2021

Operarios municipais completaron os traballos de mellora e posta a punto dun camiño secundario, duns 150 metros de extensión, situado na parroquia de San Xoán, que enlaza o lugar da Freixa coa senda costeira da Ostreira, que á súa vez une Campelo coa Seca

Obras no camiño da Ostreira
Obras no camiño da Ostreira / Concello de Poio

Operarios municipais completaron os traballos de mellora e posta a punto dun camiño secundario, duns 150 metros de extensión, situado na parroquia de San Xoán, que enlaza o lugar da Freixa coa senda costeira da Ostreira, que á súa vez une Campelo coa Seca.

Os traballos duraron dúas semanas e as boas condicións meteorolóxicas permitiron rematalos de xeito rápido e satisfactorio. O camiño estará operativo ao 100% despois da fin de semana.

A intervención consistiu na limpeza e arrombe do terreo. Ademais, tamén se apostou pola dotación dunha cuneta tendida formigonada no marxe esquerdo da pista, en dirección á senda litoral, que servirá para garantir a recollida de augas pluviais.

Deste xeito, segundo o Concello de Poio, impedirase que, en épocas de moita chuvia, caian restos de maleza ata o mar, como xa ten sucedido nalgunha ocasión.

Aproveitando as tarefas de limpeza tamén se procedeu a anchear o camiño, de xeito que agora os seus usuarios disporán dun maior espazo para transitar.