O cámping de Ons inicia a campaña de verán con todas as fins de semana cheas ata mediados de agosto

Bueu
01 de xullo 2020

Os usuarios deben seguir o protocolo de seguridade para previr o contaxio por Covid-19 baixo advertencia de expulsión en caso de incumprimento. Aínda quedan prazas libres para acampar no mes de xullo en xornadas entre semana

Visitantes desembarcan na Illa de Ons Asociación Ecoloxista de Bueu Anduxía

O mes de xullo abre a tempada estival nas Rías Baixas. As bandeiras azuis xa ondean nos areais, os socorristas comezan a vixiar as zonas de baño e o cámping da illa de Ons, no parque nacional das Illas Atlánticas, volve abrir as súas instalacións. Os efectos da pandemia do coronavirus non se notan no libro de reservas, pero si nas rutinas de usuarios e persoal, que deben cumprir un estrito protocolo de seguridade.

"Non notamos moita diferenza na demanda", explican desde a central de reservas. As prazas de acampada para todos os findes de semana do mes de xullo e a primeira quincena de agosto están xa ocupadas e "entre semana custa un pouco máis pero vanse enchendo", engaden.

Neste sentido, o único matiz que presenta unha tempada de verán tan atípica como a do 2020 é o atraso á hora de cubrir as prazas. "A xente si que ten un pouco de medo polo que poida pasar", admiten. Para darlle tranquilidade aos campistas, desde a axencia tratan de ser o máis flexible posible, pero non poden aceptar cancelacións cunha marxe inferior a 15 días. "Iso márcao a Xunta", puntualizan.

O funcionamento desta instalación si que presenta novidades con respecto a outros veráns. Na páxina web do cámping está ao dispor do usuario unha guía co protocolo para previr contagios por Covid-19 e desde o inicio da desescalada, os encargados da xestión deste recinto puxéronse ao choio para adaptar as instalacións á nova normalidade.

O campista debe comprometerse, baixo advertencia de expulsión, a respectar os límites de aforo nas zonas comúns, esperar a súa quenda á hora de facer o check-in, gardar unha distancia de seguridade de dous metros co resto de clientes ou usar máscaras no caso de que sexa inevitable, seguir os itinerarios marcados para evitar aglomeracións, facer uso das papeleiras para depositar residuos e realizar lavado de mans de forma constante facendo uso dos higienizadores repartidos por todo o recinto.

Ao mesmo tempo, os traballadores do cámping comprométense a realizar unha constante limpeza de todas as instalacións intensificando a súa periodicidade, formar a todo o persoal para aplicar o protocolo e dispoñer de todos os medios de protección necesarios e aplicar todas as medidas que se recomenden por parte das autoridades sanitarias.