O campo da festa de Marcón acollerá unha xornada de promoción da petanca

Pontevedra
11 de decembro 2021

O evento contará con dúas actividades principales: un Taller de Iniciación no que poderán tomar parte tódolos pontevedreses que así o desexen e un Torneo de Nadal para o que están inscritos nove equipos da Liga do Concello

A Vida é Movernos organiza unha xornada gratuíta de promoción da petanca
A Vida é Movernos organiza unha xornada gratuíta de promoción da petanca / Concello de Pontevedra

O programa municipal A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde celebrará o vindeiro sábado 18 de decembro no contorno do campo da festa de Marcón unha xornada gratuíta de promoción da petanca.

Organizado en colaboración coa Agrupación de Petanca de Pontevedra, o evento contará con dúas actividades principales: un taller de iniciación no que poderán tomar parte todos os pontevedreses que así o desexen e un Torneo de Nadal para o que están inscritos nove equipos da Liga do Concello.

Baixo o título de 'A Petanca como Actividade Saudable', desenvolverase en horario de mañá, entre as 10:30 e as 13:00 horas, e de tarde, desde as 15:30 até as 18:00 horas.

Segundo sinalou o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, "a petanca está en pleno crecemento no noso municipio, estando prevista a creación de nove novas pistas para o vindeiro ano".

"De feito, un mínimo de 150 persoas tomarán parte nesta iniciativa aberta á cidadanía, co obxectivo de que a xente coñeza este deporte, pase un día entretido e quede 'enganchada' para sempre", emgade.

Os equipos que participarán no torneo e o desenvolvemento do taller son Centro Social Pontevedra, Verducido, O Mirador de Monte Porreiro, San Martiño, Petanca Marín, Salcedo Norte, Amigos de Campolongo, Corticeira de Bora e SCD Marcón.