O campo de fútbol de Campañó, finalista nos Premios FAD de Arquitectura e Interiorismo

Pontevedra
07 de maio 2020

No caso do campo de Campañó, o xurado destaca que a partir dun condicionante técnico como a separación dunha liña de alta tensión, "exponse un bo control formal dos volumes", atento aos percorridos de aproximación aos edificios e a súa localización

Campo de fútbol de Campañó
Campo de fútbol de Campañó / Santos y Mera

Un proxecto pontevedrés, o campo de fútbol de Campañó, foi seleccionado como finalista nos prestixiosos Premios FAD de Arquitectura e Interiorismo.

En concreto, esta instalación deportiva é unha das once candidaturas que optan ao premio na categoría de Arquitectura, que se fallará nunha gala que se celebrará en Barcelona.

Segundo o xurado, todos os nomeados son proxectos atentos ao contexto, á estratexia e ao oficio, en diálogo co espazo, o tempo, a materia, o corpo e a natureza e son exemplos dunha arquitectura cun espírito propositivo e xeradora de sistemas máis que de obxectos.

No caso do campo de Campañó, o xurado destaca que a partir dun condicionante técnico como a separación dunha liña de alta tensión, "exponse un bo control formal dos volumes", atento aos percorridos de aproximación aos edificios e a súa localización.

Consideran que a quinta fachada -as cubertas- é fundamental xa que é a visión básica desde un acceso elevado.

Ademais, sinalan que a austeridade material e construtiva contribúe á rotundidade da peza arquitectónica e á dignificación dun programa, o das instalacións deportivas, que habitualmente "concede poucas oportunidades á boa arquitectura".

O campo de fútbol de Campañó, promovido polo Concello de Pontevedra, é obra dos arquitectos José Jorge Santos Ogando, José Carlos Mera Rodríguez e Gustavo Pérez Alvarez

Creados en 1958, os Premios FAD son os galardóns máis lonxevos de Europa no ámbito da arquitectura e o interiorismo e un dos máis prestixiosos da península Ibérica.