O campo galego deixa as súas protestas para despois das eleccións autonómicas

Pontevedra
04 de febreiro 2024

Consideran que sobran motivos para a mobilización e confían en que todos os colectivos vaian da man na defensa dos intereses de agricultores e gandeiros

Protesta do sector agrícola
Protesta do sector agrícola / Unións Agrarias

Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia e Asociación Galega de Cooperativas, pecharon esta semana a unidade de acción para programar un calendario de mobilizacións e unha táboa de reivindicacións conxunta na defensa dos intereses e dereitos do sector produtor. 

As organizacións entenden que "sobran motivos para a mobilización"; así como un contexto, tanto a nivel europeo como estatal, do que a agricultura e a gandería galega non pode manterse á marxe. Por iso fan un chamamento a todos os agricultores e gandeiros a sumarse a unhas accións que irán perfilándose nos vindeiros días.

A entrada en vigor da nova normativa de nutrición dos solos, que limita a aplicación de puríns e obriga a facer investimentos inasumibles para moitas granxas familiares; os novos requerimentos en materia sanitaria, como a obrigatoriedade de contar cun veterinario de explotación; ou a aparición de novas ameazas, como a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) ou a flavescencia dourada da vide; son algúns dos problemas que máis preocupación están a xerar no sector produtor. 

En paralelo está a entrada en vigor da nova PAC (Politica Agraria Común) e dos novos requerimentos europeos en materia medioambiental. 

Así, en liña co acordo acadado entre as organizacións profesionais agrarias maioritarias a nivel estatal, as organizacións sindicais e cooperativas galegas ven necesario actuar para "paliar a excesiva burocracia que ten xerado a entrada en vigor de novas normativas europeas"; así como actuar para "garantir que os acordos comeciais con países extracomunitarios non poñan en risco a soberanía alimentaria nin supoñan unha competencia desleal para os produtores locais".

A pesar de que a Lei de Cadea é clara ao respecto, a ausencia de contratos claros, o pago por debaixo de custos de produción e a imposición de prezos eludindo a negociación colectiva seguen a ser prácticas habituais, segundo denuncian. 

Todas estas cuestións "precisan de solucións contundentes mediante un incremento do celo das administracións e un reforzamento dos medios e actuacións de control", reclaman. 

Nos últimos meses os prezos en orixe se teñen incrementado, tanto en leite como en carne, pero os sindicatos lamentan que "esas subas seguen a ir por detrás das experimentadas polos custos de produción que deben enfrontar as explotacións", e advirten de que "serán aínda maiores sen unha flexibilización e unha adaptación dos novos requerimentos á realidade e ás necesidades do sector".