O Campus Crea premia a investigación do seu alumnado

Pontevedra
10 de febreiro 2022

A Casa das Campás foi escenario este xoves da entrega dos primeiros Premios TFG e TFM do Campus Crea, promovidos pola Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica e Universidades

Entrega dos primeiros Premios TFG e TFM do Campus Crea
Entrega dos primeiros Premios TFG e TFM do Campus Crea / Universidade de Vigo

A Casa das Campás foi escenario este xoves da entrega dos primeiros Premios TFG e TFM do Campus Crea, promovidos pola Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica e Universidades.

Arte, comunicación e creatividade; deporte, saúde e benestar; educación, innovación social e xestión pública e medio ambiente e natureza son os catro ámbitos de coñecemento do Campus Crea e tamén as áreas nas que se inciden os traballos recoñecidos con estes primeiros, que pretenden recoñecer o traballo de investigación do alumnado pontevedrés.

O obxectivo destes premios é dar unha maior difusión a estes traballos, ao que se suma unha recompensa económica e a posibilidade de que os traballos sexan publicados no International Multidisciplinary Journal CREA, a revista científica impulsada ao amparo do proxecto de especialización do campus.

DEPORTE, SAÚDE E BENESTAR

Nesta categoría foi distinguida a ex-alumna de Fisioterapia Ana Rovira, premiada polo traballo 'Efectos da fisioterapia mediante exercicio terapéutico en pacientes con esquizofrenia', no que tivo como titora a Iria da Cuña. Tamén foi recoñecida a investigación 'A competencia motriz do alumnado galego', traballo final no máster de Profesorado de Iván Fabeiro.

Pola súa banda recibiron un áccesit o TFG 'Os efectos da gamificación en educación física escolar', do graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Borja Piñeiro; e o TFM 'Exercicio físico en transplante de corazón. Revisión sistemática con metaanálise e estudo de caso', do egresado do Máster en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde Ginés Martínez.

EDUCACIÓN, INNOVACIÓN SOCIAL E XESTIÓN PÚBLICA

Neste ámbito, o graduado en Publicidade e Relacións Públicas Juan Ares foi premiado polo TFG 'Do universo cinematográfico á estratexia publicitaria. Análise da resurrección do star system na publicidade: o caso de Diet Coke e Cruzcampo'.

No referido aos TFM, o premio foi para Silvia Fernández, titulada do Máster en Dirección Pública e Liderazgo Institucional, pola investigación 'Aproximación á Responsabilidade Social Corporativa nas deputacións galegas; análise a partir da información divulgadas nas páxinas web'.

Ademais Minerva García alcanzou un accésit por 'Políticas públicas locais de emprego. O caso do concello de Silla (Valencia) e os programas mixtos de emprego e formación' mentres que a graduada en Educación Primaria Isabel Campo obtivo outro pola súa TFG 'Videoxogos e socialización diferencial de xénero: preferencias e práctica'.

MEDIO AMBIENTE E NATUREZA

Neste apartado só se entregaron recoñecementos a TFG, ambos os dous para titulados en Enxeñería Forestal. Aquí o primeiro premio foi para Clara Míguez por 'Efectos de diferentes disolventes e condicións de extracción para a determinación de compostos  fenólicos nas especies Tradescantia fluminensis Vell. e Arundo donax L', cun  áccesit para Paula Rivas polo seu traballo 'Vixilancia da vexetación de ribeira existente mediante o uso de novas tecnoloxías'. 

ARTE, COMUNICACIÓN E CREATIVIDADE

Na última das categorías o premio ao TFG foi para o titulado en Comunicación Audiovisual David Arosa por 'A dirección de fotografía dunha curtametraxe de ficción: Temis'. Neste apartado recibiu un áccesit o TFG 'Etcétera', do titulado en Belas Artes Mateo Barcia.