O campus de Pontevedra alza a súa voz polos dereitos das mulleres

Pontevedra
08 de marzo 2018

Profesores, persoal de administración e servizos e o propio alumnado. Toda a comunidade educativa do campus de Pontevedra xuntouse este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, para protagonizar diversos paros e actos reivindicativos para protestar contra as desigualdades e as diferentes formas de violencia que seguen a sufrir as mulleres

Concentración no campus de Pontevedra polo 8 de marzo
Concentración no campus de Pontevedra polo 8 de marzo / Universidade de Vigo

Profesores, persoal de administración e servizos e o propio alumnado. Toda a comunidade educativa do campus de Pontevedra xuntouse este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, para protagonizar diversos paros e actos reivindicativos para protestar contra as desigualdades e as diferentes formas de violencia que seguen a sufrir as mulleres.

Promovida tamén por unha asemblea aberta, unha concentración celebrada ás portas da facultade de Ciencias Sociais serviu para que o campus tomara partido nesta xornada de folga feminista que se está a vivir por todo o país.

Dúas docentes e seis alumnas puxeron voz a un texto de apoio á "primeira folga feminista mundial da historia", dirixida a reivindicar "que se nos escoite e mude de vez esta situación de inxustiza milenaria".

"Estamos fartas de soster o mundo sen que se nos recoñeza", concluía o manifesto elaborado por este colectivo, que puña de relevo que preto de mil mulleres foran asasinadas en España nos últimos 15 anos, as "duplas e triplas xornadas" que sofren as mulleres por mor de tarefas como os coidados familiares, que "non queremos asumir en solitario", a fenda salarial ou o feito de que os estudos elixidos maioritariamente por mulleres "sexan os máis desvalorizados".

A concentración estivo presidida por unha serie de carteis nos que se podía ler Nosotras paramos, deseñados para a ocasión pola alumna de doutoramento Sandra Martínez.