O campus de Pontevedra está na procura dunha marca internacional de referencia

Pontevedra
21 de abril 2015

A Casa das Campás acolleu este martes unha mesa redonda na que profesionais de ámbitos como o deporte, a industria editorial, a gastronomía e a arquitectura debateron sobre a creatividade como unha idea transversal, como "o único camiño para facer futuro", segundo resaltou o reitor, Salustiano Mato

Mesa redonda sobre a creatividade
Mesa redonda sobre a creatividade / Mónica Patxot

A Casa das Campás acolleu este martes unha mesa redonda na que profesionais de ámbitos como o deporte, a industria editorial, a gastronomía e a arquitectura debateron sobre a creatividade como unha idea transversal, como "o único camiño para facer futuro", segundo resaltou o reitor, Salustiano Mato.

Afondar na "creatividade no seu sentido máis amplo" foi o eixo da primeira conmemoración no campus de Pontevedra do Día Internacional da Creatividade e a Innovación, o que será o "día grande do Campus Crea", e polo tanto, unha xornada na que "albiscar ideas útiles para fabricar ese camiño de futuro" que constitúe o proxecto de especialización do campus pontevedrés.

Como salientou o reitor na presentación deste acto, Pontevedra atópase dando "os primeiros pasos" no seu camiño cara a especialización, cara a consecución dunha "marca de referencia internacional para o campus", a través dun proxecto que "busca envorcar as capacidades da nosa Universidade no que é o mundo da iniciativa e a industria creativa".

Mato encargouse de presentar o coloquio coa que se abriu esta conmemoración, no que participaron o preparador físico Pepe Casal, a arquitecta Isabel Aguirre, o restaurador Javier Olleros responsable do restaurante Culler de Pau, un dos fundadores da firma Rei Zentolo, Pablo Rodríguez, e o director de Oqo Editora, Juan Couto.

Nun coloquio conducido polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Dafonte, os relatores incidiron tamén nesa idea da creatividade como un elemento transversal, que vincula a ámbitos, a priori, tan distantes, como o deporte e a tecnoloxía.

Tralo peche deste coloquio a actividade continuou na Casa das Campás con Somos Crea, un compendio de breves presentacións de traballos de investigación e proxectos de emprendemento.