O Campus de Pontevedra retoma o pulso

Pontevedra
01 de setembro 2014

Fisioterapia converteuse no primeiro centro en dar a benvida ao estudantado de novo ingreso. Ao longo da semana sucederanse os actos de presentación nas diferentes facultades e escolas

Fisioterapia converteuse no primeiro centro en dar a benvida ao estudantado de novo ingreso Universidade de Vigo

A Facultade de Fisioterapia converteuse este luns na primeira en recibir aos seus novos alumnos, cun acto no que preto de corenta estudantes puideron coñecer máis ao detalle o funcionamento da que será a súa casa durante os próximos catro anos.

De recibilos encargouse a decana, Eva María Lantarón, que acompañada pola vicedecana, Alicia González, e o secretario do centro, José Manuel Pazos, trasladou aos estudantes de novo ingreso o seu desexo de que o seu paso pola Universidade de Vigo constitúa ⿿unha grata experiencia, tanto a nivel persoal como pensando xa no seu futuro profesional⿝.

Este ano académico comeza coa mirada posta xa no seguinte, no 2015-2016, posto que será o do vinte aniversario do centro, efeméride que xa se comezará a celebrar ao longo deste curso coa ⿿realización de conferencias e outra serie de actos abertos tanto a todos os fisioterapeutas como ao público en xeral⿝.

MODALIDADE SEMIPRESENCIAL

⿿O alto interese que espertaron as diferentes titulacións do campus⿝, como salienta o vicerreitor Juan Manuel Corbacho, é unha das principais notas positivas desta semana de retorno ás aulas, na que se sucederán os actos de benvida en centros como a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que este mércores convertirase no primeiro centro universitario galego en converterse en membro da Rede de Escolas Unesco.

Tamén recibirán nesa xornada aos novos estudantes na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que estrea no presente curso a modalidade semipresencial do grao en Dirección e Xestión Pública, unha nova opción que permitiu incrementar ⿿a alta demanda que están a recibir as nosas titulacións⿝, como salienta a decana do centro, Emma Torres.