O vicerreitor do campus, Jorge Soto, deu conta no Consello do Campus celebrado este martes dalgunhas das iniciativas previstas para os próximos meses, como a instalación de novo mobiliario exterior no campus, substituíndo por "bancos e mesas máis acordes co Green Campus", algúns elementos xa "deteriorados", así como á colocación dunha marquesiña.
Así mesmo, en setembro inauguraranse tanto o pantalán instalado trala Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte como o parque da Escola Infantil do campus, á vez que está prevista a posta en marcha da asociación de consumo responsable do campus e da revista científica do Campus Crea.
No referido ao Campus Crea, Jorge Soto anunciou tamén que a profesora e subdirectora da Escola de Enxeñaría Forestal Ángeles Cancela convértese na nova coordinadora do Doutoramento en Innovación Social e Sustentable, tras agradecer o labor realizado pola profesora Ana Belén Fernández Souto durante os catro primeiros anos de vida deste programa.
O vicerreitor sinalou así mesmo á incorporación dun novo xestor de investigación no campus e trasladou as felicitacións recibidas desde a asociación ADEAC, responsable en xestionar en España o programa Green Campus, polo traballo realizado desde a Vicerreitoría "en favor da educación ambiental", aínda que esta asociación tamén, recoñeceu, "botou de menos unha implicación máis profunda por parte das facultades".
A xuntanza contou tamén coas intervencións dos vicerreitores de Economía e de Comunicación e Relacións Institucionais, permitindo deste xeito que todos os integrantes do equipo de goberno desen conta no Consello de Goberno do labor desenvolvido.