Cada tres anos a Orde da Mercé reúnese en Capítulo para, entre outras cuestións, falar de proxectos para o futuro, estudar suxerencias das comunidades e relixiosos e elixir provincial e conselleiros provinciais.
Este ano 2023 celébrase o Capítulo no Mosteiro Mercedario de San Juan de Poio, presidido polo Pai Xeral da Orde Mercedaria, Frei Leoncio Osvaldo Vivar Martínez.
Será o día 8 de xullo e asistirán uns 35 relixiosos mercedarios á que se considera a principal asemblea da chamada "provincia de Castela", unha das dúas xurisdicións nas que está estruturada a orde na Península. "É a de maior magnitude ", indican os portavoces da orde, e abarca toda a Península fóra de Aragón e Cataluña, así como "África e América", detallan.
Ás 20,00 horas, sairán do Patio das Procesións do Mosteiro de Poio en procesión coas súas velas e entoarase a Salve Regina gregoriana, pola Agrupación Musical da Mercé.