O cárcere da Lama mellorará a súa depuradora para evitar fugas contaminantes

Ponte Caldelas
27 de xullo 2015

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz solicitoulle ao director da cárcere unha maior vixilancia sobre a EDAR do centro penitenciario para evitar aportes contaminantes que poñan en perigo a Bandeira Azul da praia fluvial de A Calzada

Centro Penitenciario da Lama
Centro Penitenciario da Lama

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, e o director do centro penitenciario de A Lama, Alvaro Nuevo García, reuníronse este luns coa intención de reeditar o convenio de colaboración entre ámbalas dúas institucións e favorecer a posta en marcha de proxectos de reinserción social.

Asemade, o rexedor de Ponte Caldelas trasladoulle ao director do cárcere a preocupación existente no Concello por tomar tódalas medidas preventivas precisas para evitar calquera dano involuntario ás augas do río Verdugo co fin de manter na praia fluvial da Calzada a primeira Bandeira Azul de España nunha zona de baño destas características.

Pola súa banda o director do centro penitenciario confirmoulle ao alcalde Andrés Díaz a decisión do Ministerio de investir uns 50.000 euros na modernización e mellora da EDAR existente na prisión coa intención de reforzar os sistemas de seguridade para impedir que se poida producir ningún incidente medioambiental neste sentido.

Nun excelente clima de colaboración institucional, tanto o alcalde como o director do centro penitenciario salientaron o desexo de seguir profundizando no convenio que favorece a posta en  marcha de programas de reinserción social no que poden participar internos deste penal e así, confirmaron que nos vindeiros días reclusos, acompañados por personal municipal e de Institucións Penitenciarias realizarán labores de desbroce en diversos tramos da Ruta do Camiño dos Arrieiros, que transcorre por todo o municipio, desde a parroquia de Forzáns ata Pontevedra, así como unha serie de sendeiros a determinar.

Outra das actividades nas que participarán os internos é na limpeza e adecuación dos sendeiros que dan servizo aos distintos conxuntos rupestres da Área Arqueolóxica de Tourón. A actuación dos reclusos é decisiva para garantir a accesibilidade e posta en valor dos petróglifos existentes na zona.