O goberno municipal de Sanxenxo xa ten nas súas mans o proxecto para executar a segunda fase das obras de mellora do seu centro de día, unha actuación que ten un orzamento de 70.697 euros, dos cales 30.600 serán asumidos con fondos propios. O importe restante será asumido pola Xunta de Galicia, a través dunha subvención recentemente concedida.
Esta actuación consistirá na substitución do revestimento exterior da fachada, na instalación dunha marquesiña na zona de entrada e na instalación dun soportal de comunicación entre a sala do centro e a zona axardinada.
En canto á fachada, vaise substituír o actual cerramento de plaqueta de lousa por unha fachada ventilada con paneis de aluminio. Isto faise para lograr un maior illamento ao frío e á calor e para liquidar o problema de filtracións de auga.
A marquesiña mellorará as entradas e saídas ao centro dos usuarios, resgardándoos do frío, do sol e da choiva. Esta estrutura terá unha dimensión de 34 metros cadrados.
Por último, a pérgola na terraza interior, de 35 metros cadrados, permitirá utilizar un espazo que na actualidade está en desuso para saír ao exterior do edificio, quedando resgardado do sol e da choiva. Tamén se acondicionará toda a zona axardinada existente.
Unha vez iniciadas as obras establécese un prazo de execución de tres meses.
Con esta obra, sumada á reforma interior e melloras en materia de eficiencia enerxética que se realizaron nos últimos meses, o Concello de Sanxenxo investiu 153.000 euros nestas instalacións.