O Centro de Información en Diversidade e Sexualidade pontevedrés, un "referente nacional" con 93 consultas nun ano

Pontevedra
09 de xaneiro 2022

O centro atendeu en 2021 60 consultas máis que en 2020, un incremento do 182%. A esta cifra hai que sumar 16 persoas que participaron nos dous Grupos de Apoio LGBTI postos en marcha durante o pasado ano. Houbo persoas usuarias que se achegaron ao Cides por recomendación do seu médico de cabeceira

A directora do Cides, Ada Otero, e Yoya Blanco fan balance do primer semestre do Centro de Información a Diversidade e Sexualidade
A directora do Cides, Ada Otero, e Yoya Blanco fan balance do primer semestre do Centro de Información a Diversidade e Sexualidade / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra saca peito do bo funcionamento do Centro de Información en Diversidade e Sexualidade (Cides) posto en marcha durante este mandato e do que a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, asegura que se consolida como "referente nacional LGTBI".

O centro, que dirixe a activista trans Ada Otero, atendeu en 2021 un total de 93 consultas, 60 máis que as 33 rexistradas en 2020 (o que supón un incremento do 182%). A esta cifra hai que sumar 16 persoas que participaron nos dous Grupos de Apoio LGBTI postos en marcha durante o pasado ano.

Yoya Blanco destaca que hai un "aumento moi importante" de institucións e traballadores públicos que contactaron en 2021 co centro para establecer colaboracións e buscar formación sobre temáticas específicas, sendo a relacionada co colectivo trans a máis solicitada.

A edil tamén sinala que os datos poñen de manifesto que a maioría dos usuarios que acoden a este centro non o fan para dúbidas de resposta rápida, senón para consultas que requiren dunha orientación ou acompañamento. Trátase, segundo explica, de dúbidas sobre a súa identidade, búsqueda de consellos para saír do ‘armario’, información sobre tratamentos hormonais ou cuestións xurídicas. O tempo adicado a cada un deles varía en función das súas necesidades, chegando mesmo a tres horas seguidas.

Segundo as cifras facilitadas polo Concello, a meirande parte dos contactos, 55 (un 59%), foron solicitudes de acompañamento ou orientación persoal especializados, achegando axuda e resolucións de dúbidas que requirían de respostas longas e, en moitos casos, con apoio e seguimento do usuario.

Ademais, houbo 25 consultas (un 27%) relacionadas con institucións, asociacións ou entidades que se comunicaron co Cides para construír canles de participación e colaboración mutua ou organización de actividades.

Outras 10 consultas (un 11%) vencelláronse a axudas con datos e revisión de traballos, un servizo que se materializa na recepción de artigos, curtas e calquera outra creación sobre temática LGTBI coa finalidade de asegurar un tratamento axeitado na linguaxe e na información exposta, así como na orientación a aquelas persoas que adican o seu traballo de fin de grao ou máster a esta temática.

Para completar a estatística, houbo 2 consultas que foron dúbidas sinxelas de usuarios que plantexaron cuestións moi concretas e unha referida a información de eventos LGTBI e voluntariado.

Yoya Blanco destaca a solicitude de axuda por parte de estudantes que fan traballos de investigación e que ademais teñen a vontade de achegar a diversidade LGTBI aos seus respectivos campos e tamén que houbo persoas usuarias que se achegaron ao Cides por recomendación do seu médico de cabeceira.