O Centro de Información sobre Diversidade dá os primeiros pasos con 18 usuarios e moita demanda de información

Pontevedra
25 de xuño 2020

Case a metade solicitaron orientación persoal sobre xénero e sexualidade e a maioría eran persoas trans. Estes datos déronse a coñecer este mércores con motivo da inauguración nos xardíns das prazas da Ferrería e de España da nova acción simbólica da Semana do Orgullo LGTBIQ+ 2020, xardíns con conciencia nas prazas de España e Ourense

Xardíns con conciencia na praza de Ourense
Xardíns con conciencia na praza de Ourense / Concello de Pontevedra

 O Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES) de Pontevedra xa tivo nos seus primeiros meses de funcionamento 18 usuarios, dos que case a metade solicitaron orientación persoal sobre xénero e sexualidade e a maioría eran persoas trans.

Moitas das consultas tiveron que ver con persoas trans que descoñecían aspectos de carácter xurídico ou non sabían como acceder aos tratamentos hormonais, segundo deu a coñecer a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, que lembrou que os primeiros pasos deste centro pioneiro estiveron marcados polo estado de alarma derivado da pandemia do coronavirus, pois a súa apertura coincidiu co inicio do confinamento.

A coordinadora do centro, Ada Otero, engadiu esta semana, a modo de balance, que tamén recibiu cinco peticións de axuda para informar e facer revisións de teses e proxectos de fin de carreira sobre temáticas como a realidade e as problemáticas das persoas trans, a visibilidade do colectivo LGTBI, a construción do xénero ou a teoría queer.

Tamén houbo dúas consultas relativas a dúbidas sobre o colectivo LGTBI e á linguaxe sobre diversidade e orientación sexual e dúas asociacións contactaron co centro para participar en xornadas divulgativas.

Segundo explicou Ada Otero, unicamente puideron atender presencialmente na oficina situada na Praza de José Martí a dúas persoas, porque apenas tiveron tempo de abrir as portas cando se decretou o estado de alarma, de maneira que as redes sociais e o correo electrónico convertéronse en ferramentas de grande utilidade.

A metade das solicitudes de asesoramento e información chegaron a través do correo electrónico ([email protected]) e da conta de Instagram (@cidespontevedra). Facebook (@CIDESpontevedra), Twitter (@CIDESpontevedra), Whatsapp e o teléfono (676 09 73 39) foron os outros medios de contacto.

XARDÍNS CON CONCIENCIA

Estes datos déronse a coñecer este mércores con motivo da inauguración nos xardíns das prazas de Ourense e de España da nova acción simbólica enmarcada dentro do programa de conmemoración da Semana do Orgullo LGTBIQ+ 2020. O servizo municipal de Parques e Xardíns ‘pintou’ a bandeira do colectivo con buxos de cores. Están intervidos artisticamente con pintura respectuosa co medio ambiente e que non supón dano para a planta. 

Paloma Castro e Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, presentaron estes xardíns con conciencia e explicaron que a idea inicial era facer unha bandeira con flores, pero tamén a crise do coronavirus afectou nisto, xa que os viveiros están baixo mínimos e todos os concellos demandan flor de tempada, así que optaron por plantacións de buxos, que teñen a vantaxe de ser máis resistentes e que estarán un tempo nestes xardíns.