O Centro de Saúde de Vilanova xa conta cun novo retinógrafo

O Salnés
20 de outubro 2022

A aparataxe coa que efectuar retinografías dixitais neste centro de Atención Primaria evita desprazamentos aos centros hospitalarios, adecuando os recursos específicos de Oftalmoloxía e facilitando a comunicación e coordinación entre os niveis asistenciais

Retinógrafo
Retinógrafo / Sergas

A Xunta de Galicia ven de incorporar á dotación tecnolóxica do centro de saúde de Vilanova de Arousa un novo retinógrafo, cun investimento de máis de 18.000 euros. 

Para efectuar as revisións de retina, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) introduce esta aparataxe coa que efectuar retinografías dixitais, son unhas probas que permiten o diagnóstico precoz das enfermidades oculares máis frecuentes en pacientes diabéticos, pero tamén previr a cegueira nestes doentes.

A realización destas probas co novo retinógrafo no centro vilanovense facilita, ademais da detección e o tratamento nos tempos recomendados, evitar desprazamentos de pacientes aos centros hospitalarios, adecuando os recursos específicos de Oftalmoloxía e facilitando a comunicación e coordinación entre os niveis asistenciais.

Este novo equipo garante unha imaxe de alta calidade e supón vantaxes para os profesionais posto que ou seu uso é sinxelo e versátil. O retinógrafo, emprazado nunha platafoma móbil, ubícase nun espazo no centro de saúde vilanovense que permite a realización destas probas de xeito confortable para os pacientes e profesionais.

As afectacións da retina son unha complicación frecuente da diabetes. Provoca diversas lesións na retina -retinopatía diabética- que, aínda que nas súas fases iniciais non amosan ningunha síntomatoloxía, ao longo da súa evolución natural sen tratamento poden levar a unha diminución da agudeza visual e mesmo á cegueira. O máis importante é que, se se tratan de forma adecuada e precoz, é posible atenuar ou mesmo evitar por completo a afectación da visión.

As retinografías dixitais transmítense a través da rede aos profesionais de Medicina de Familia, así coma aos efectivos que habitualmente prestan asistencia sanitaria ás persoas con diabetes. Todos eles reciben previamente a formación necesaria para a valoración e interpretación das imaxes do fondo de ollo.

No caso de detectar ou sospeitarse lesións, as imaxes son transferidas automaticamente aos respectivos especialistas da Área Sanitaria para a súa valoración. Sómentes no caso de que se confirmen lesións de retinopatía diabética cítase ao paciente nas consultas de oftalmoloxía para o seu tratamento e seguimento. As persoas con resultados normais reintégranse á programación para que se lles realicen novos controis de xeito regular, cunha periodicidade dun a tres anos segundo as características individuais de risco de desenvolver retinopatía diabética.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora