O Centro Forestal de Lourizán amosa os seus avances fronte o risco hidrolóxico erosivo tras os lumes

Pontevedra
18 de xuño 2019

Este martes presentouse o libro "Eficacia dos tratamentos de estabilización do solo despois de incendio en Galicia". Esta obra dá a coñecer o labor de monitorización que vén desenvolvendo nesta materia dito centro, que depende da Consellería do Medio Rural

Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán
Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán /

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán acolleu este martes a presentación do libro Eficacia dos tratamentos de estabilización do solo despois de incendio en Galicia. Esta obra dá a coñecer o labor de monitorización que vén desenvolvendo nesta materia dito centro, que depende da Consellería do Medio Rural.

Neste estudo lémbrase que unha das cuestións importantes a considerar cando se extingue un lume é a mitigación do risco hidrolóxico erosivo, que pode implicar outra serie de danos ecolóxicos e económicos, malia que as situacións de maior risco para os bens e as persoas adoitan ter lugar no momento no que se está producindo o incendio.

Nos últimos anos foron acometéndose unha serie de medidas, de forma planificada, orientadas á limitación deste risco. En todas estas accións, a cuestión central é a conservación do solo como clave para a recuperación dos ecosistemas forestais afectados e o mantemento dos servizos subministrados por eles, incluíndo o da produtividade forestal.

Na execución coordinada e planificada desas medidas paliativas, a monitorización dos tratamentos efectuados ten un papel crucial na consolidación de solos que vén efectuando a Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte. Os resultados obtidos permiten por un lado coñecer a magnitude da erosión e por outra banda avaliar a efectividade das medidas adoptadas e a eficiencia dos investimentos realizados. Isto tamén permite unha mellor planificación das actividades futuras.

Por iso, este libro pretende contribuír á mellora da xestión do risco hidrolóxico-erosivo asociado aos lumes forestais no futuro e noutras áreas que sofren tamén este problema, ademais de Galicia.

A información contida neste libro preséntase no marco do proxecto internacional Plurifor que busca mellorar a xestión dos riscos que ameazan as masas forestais do sur de Europa.