O centro médico do Toural acollerá unha concentración este martes para reclamar máis persoal sanitario

Vilaboa
10 de outubro 2020

O BNG de Vilaboa convoca a toda a veciñanza de Vilaboa este martes 13 de outubro ás 20.00 horas para, entre outras demandas, reclamar a reapertura inmediata do servizo de atención primaria no consultorio de Santa Cristina de Cobres

Centro de saúde do Toural, Vilaboa
Centro de saúde do Toural, Vilaboa

A falta de persoal nos centros de saúde no Concello de Vilaboa levou a que o BNG local convoque unha concentración de protesta para este martes 13 de outubro ás 20.00 horas diante o consultorio médico do Toural.

Con esta protesta queren reclamar ao SERGAS e á Xunta de Galicia persoal suficiente para o Centro de Saúde do municipio e esixir a reapertura inmediata do servizo de atención primaria no consultorio de Santa Cristina de Cobres con persoal propio. 

Ao mesmo tempo, demandan que desde a Xunta cese o desmantelamento nos servizos sanitarios da área sanitaria de Pontevedra e que deixe de empregarse a atención telefónica como medida prioritaria para consultar aos pacientes. Ademais piden que se cubran as baixas e vacacións do persoal sanitario para garantir unha atención de calidade.

Sinalan que se presentaron dúas mocións nos plenos da corporación de Vilaboa sen que a Xunta fixese caso ás demandas da cidadanía dun Concello que conta con medidas restritivas polas repuntas de covid-19 aparecidas neste municipio.