O CHOP logra 12 candidaturas finalistas nos premios "Best in class 2017"

Pontevedra
14 de outubro 2017

Estes galardóns recoñecen aos mellores centros e servizos sanitarios de toda España pola calidade na atención ao paciente

Operación cirúrxica
Operación cirúrxica / Mónica Patxot

O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra vén de acadar 12 candidaturas finalistas aos premios "Best in Class 2017", galardóns que convoca anualmente a publicación especializada Gaceta Médica, xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rei Juan Carlos.

Os premios teñen como principal obxectivo recoñecer publicamente os mellores servizos, unidades e procesos asistenciais de hospitais e centros de saúde de todo o ámbito nacional, tanto públicos como privados, destacando a excelencia na atención ao paciente e o bo facer dos profesionais sanitarios.

Nas súas respectivas categorías, en total foron 12 os servizos e procesos asistenciais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) os que resultaron elixidos finalistas: o servizo de Dermatoloxía, o de Farmacia Hospitalaria, o de Alergoloxía e Inmunoloxía, o de Reumatoloxía, Medicina Interna, como servizo e pola sección de procesos infecciosos, pola atención do VIH-Sida e con gran peso no programa de formación dos Médicos Internos  Residentes; Psiquiatría, como mellor servizo no tratamento da esquizofrenia; Dixestivo, pola súa atención á Hepatite C e á patoloxía dixestiva, e o complexo en si mesmo por sendos plans de humanización e de formación MIR.

A concesión destes premios está baseada fundamentalmente na puntuación obtida polos candidatos co Índice de Calidade Asistencial ao Paciente (ICAP), que se establece a partir da análise multivariable dos datos recollidos nos cuestionarios de autoavaliación cubertos polos hospitais e centros de Atención Primaria.

Gañadores e finalistas formarán parte da Guía dos Mellores Hospitais e Servizos Sanitarios que a organización dos premios BIC edita anualmente.

O acto oficial da entrega dos galardóns, que  este ano acadan a súa duodécima edición, terá lugar o vindeiro 24 de outubro en Sevilla.