O ciclo de FP Dual de Hostalería e Restauración de Sanxenxo aínda ten prazas dispoñibles

Sanxenxo
12 de setembro 2022

Mentres se reforma o colexio do Cruceiro, sede definitiva do módulo, os alumnos recibirán as clases no instituto e realizarán as prácticas nun hotel

As prácticas do alumnado de FP faranse no Hotel Pedramar
As prácticas do alumnado de FP faranse no Hotel Pedramar / Concello de Sanxenxo

Sanxenxo levaba moitos anos demandando un ciclo de formación en hostalería e restauración. Por fin fíxose realidade, de feito xa se cubriron 11 prazas das 18 dispoñibles, aínda que o prazo de matriculación conclúe o 23 de setembro. 

Durante este primeiro curso e, mentres leva a cabo unha profunda reforma do colexio O Cruceiro, as clases teóricas van impartir no instituto de Vilalonga e as prácticas no hotel Pedramar, un establecemento de 3 estrelas situado en Soutullo, Noalla. O ciclo componse de 2.000 horas lectivas repartidas en dous cursos. As prácticas realizaranse os luns pola mañá e o martes en horario de mañá e tarde.

O Concello chegou a un acordo con este hotel que dispón dunhas boas instalacións que inclúen unha cociña totalmente equipada, almacén, aseos, vestiarios e unha ampla sala entre outras dependencias. O Concello vai destinar 12.300 euros ao alugueiro do establecemento e 5.000 euros para o transporte en autobús dos alumnos entre o instituto e o hotel. O Concello, como fai co resto dos centros educativos, tamén se vai a encargar da limpeza das instalacións.

O proxecto de reforma do vello colexio de Vilalonga está valorado en 1,5 millóns de euros e o Concello aspira a financialo con fondos europeos Next Generatión. Trátase dunha actuación importante que converterá o antigo colexio nun equipamento socio educativo moderno, dotado con sistemas enerxéticos sostibles e con 3 espazos diferenciados, o centro de xubilados (360 metros cadrados), a biblioteca (220 metros cadrados) e a escola de turismo (550 metros cadrados) onde se incluirán as instalacións do ciclo de hostalería e restauración.

Tamén está prevista a recuperación urbanística da parcela de 4.620 metros cadrados que rodea o edificio e a derriba das edificacións que carecen de aproveitamento, ademais da creación de 64 prazas de aparcamento no centro do núcleo urbano de Vilalonga.