O CIM de Pontevedra atende ao ano 700 casos de mulleres maltratadas

Pontevedra
30 de outubro 2017

A concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, alerta de que se está a detectar un repunte de casos de violencia machista entre os máis novos que, en moitas ocasións, empregan as redes sociais

Maltrato á muller
Maltrato á muller

O Centro de Información da Muller de Pontevedra (CIM) atende a unha media de 700 mulleres ao ano que, na súa gran maioría, necesitan axuda con motivo de casos de violencia machista en distintas intensidades e graos, afirmaba este mediodía a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, durante a presentación dos actos do 25-N previstos para este ano, que contarán co desenvolvemento do programa Nós.

Fouces indicou que tamén hai mulleres que proceden doutros concellos nos que lles resulta máis difícil acudir ao CIM. A concelleira afirmou que se está a detectar un repunte de casos de violencia e acoso machista entre a poboación máis nova.

"A rede social é utilizada polo sistema para afundar na ferida. Na xente moza provoca moitos problemas", asegurou Fouces referíndose aos novos instrumentos que se empregan para presionar ás mulleres. Neste sentido, apuntou que desde o Concello van desenvolver traballos nos centros educativos para tentar mitigar estas situacións.

A través do CIM aténdense tamén ao redor de oito casos de menores que forman parte dunha contorna familiar no que a nai sufriu malos tratos. Carmen Fouces mostrouse preocupada porque a día de hoxe aínda o maltratador ten que consentir que o fillo sexa tratado por un psicólogo.

"Unha persoa capaz de maltratar a súa parella non debería ter relación con menores. O dereito a ter contacto cos fillos cando están condenados por violencia hai que debatilo con seriedade", concluíu a máxima responsable de Igualdade no municipio.