O Centro de Información á Muller (CIM) de Sanxenxo indica que durante este 2022 realizáronse 124 atencións a vítimas de violencia de xénero, que se suman ás 529 atencións psicolóxicas e xurídicas que desenvolveron desde este servizo municipal.
Segundo informan desde o Concello de Sanxenxo, o incremento da actividade concéntrase principalmente no caso de asesoramento xurídico, con 83 casos, relacionado con separacións, divorcios e nulidades matrimoniais. O persoal técnico detectou un incremento tras a pandemia destes casos.
Tamén se solicitaba información en situacións vencelladas ao dereito civil como os permisos de estranxeiría, herdanzas ou incapacitacións. Ata treinte consultas estiveron relacionadas coa xustiza gratuíta.
Realizáronse 446 intervencións de atención psicolóxica, 151 delas eran xerais, fundamentalmente por ansiedade, baixa autoestima, #estrés e carencias emocionais. Nalgúns casos, realizáronse en grupos a través de talleres de empoderamento feminino.
Tamén se rexistraron 156 consultas que foron derivadas a outros departamentos municipais. En relación a outras actividades destacan os actos organizados con motivo do 25-N e do 8-M, cunha programación propia destinada a sensibilizar a distintos sectores sociais sobre o papel da muller e contra a violencia de xénero.
Actualmente, Sanxenxo ten en vigor o quinto Plan de Igualdade, que permite realizar políticas de acción positiva durante catro anos en todos os ámbitos con perspectiva de xénero para aplicar desde o Concello, coa proposta de erradicar a violencia contra as mulleres a través da prevención, sensibilización e asistencia, con apoio ás vítimas en coordinación con outros axentes locais.
Ademais realízanse actos de inclusión de valores educativos, culturais e deportivos de carácter igualitario entre a cidadanía.