O CIM de Sanxenxo renovará o mobiliario e o equipamento informático

Sanxenxo
21 de abril 2023

O Centro de Información á Muller de Sanxenxo renovará o equipamento informático e cambiará o mobiliario dos dous despachos deste servizo municipal. A actuación sufragarase cunha subvención de 16.640 euros da Secretaría Xeral da Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Centro de Información á Muller (CIM) de Sanxenxo
Centro de Información á Muller (CIM) de Sanxenxo

O Centro de Información á Muller (CIM) de Sanxenxo renovará o equipamento informático e cambiará o mobiliario dos dous despachos deste servizo municipal. A actuación sufragarase cunha subvención de 16.640 euros da Secretaría Xeral da Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O CIM está formado por dous despachos, o da directora e psicóloga e o da asesora xurídica, totalmente equipados e independentes, que aseguran a confidencialidade e privacidade das comunicacións coas usuarias do servizo. 

O paso do tempo e os problemas de humidades provocaron unha deterioración no mobiliario e paredes de ambos os espazos que fan necesaria a renovación de mobiliario e unha nova disposición que axude a optimizar o espazo. Ademais, exponse na memoria de necesidades a adquisición de dous equipos informáticos que faciliten o traballo diario.

A remodelación do CIM supoñerá o pintado dos dous despachos, colocación dun novo chan resistente a auga e a humidade, xunto coa colocación de zócalos altos para contrarrestar a humidade que se acumula na parte inferior das paredes.

Tamén se mellorará a eficiencia enerxética coa substitución da iluminación tradicional por barras luminosas a luces led.

Por último cambiaranse os estores con láminas escuras a láminas screen que permitan o paso da luz, pero que garantan a privacidade das usuarias do CIM e colocaranse vinilos nas portas dos despachos.