O círculo Podemos Pontevedra estuda a súa postura sobre a presenza de ENCE na Ría de Pontevedra

Pontevedra
11 de novembro 2014

O empeño do círculo Podemos Pontevedra é escoitar aos responsables da fábrica, as entidades e os colectivos sociais, así como dos profesionais das distintas áreas, acreditados pola súa experiencia e formación

Factoría de ENCE en Lourizán
Factoría de ENCE en Lourizán /

Tras máis de 50 anos do emprazamento da fábrica de ENCE-Elnosa na Ría de Pontevedra, o círculo de Podemos Pontevedra, inicia un ciclo de conferencias sobre ENCE, enfocado dende as múltiples perspectivas que esixe o tratamento dunha situación tan complexa.

O obxectivo que perseguen é "xerar un xuizo crítico e fundamentado con argumentos acreditados por todos os axentes implicados". Esta iniciativa xurde das inquedanzas cidadás por coñecer e debatir sobre unha realidade que "non se conseguiu plasmar ata o momento".

O empeño do círculo Podemos Pontevedra é a concurrencia múltiple da fábrica en cuestión, as entidades e os colectivos sociais, así como dos profesionais das distintas áreas, acreditados pola súa experiencia e formación.

Os voceiros de Podemos queren identificar os distintos posicionamentos entorno á sustentabilidade ambiental de ENCE-Elnosa, analizar a problemática transversal das fábricas na ría de Pontevedra, coñecer as múltiples realidades entorno á factoría pontevedresa e profundizar no papel da cidadanía no seu futuro inmediato.

O comité da empresa ENCE confirmou a súa presenza na conferencia inaugural, na que tamén participará Antón Masa, presidente da Asociación pola defensa da Ría (APDR) e Miguel Cuña, secretario local do sindicato CXT, entre outros convidados.

As xornadas estructúranse entorno a oito ponencias que se desenvolverán entre novembro de 2014 e o mes de marzo de 2015.