Organizados por 'Xornadas-Reecontro coa Historia de Marín' (enmarcadas no seo do Club de Opinión Portocelo) os próximos días 13 e 15 de setembro terán lugar os actos conmemorativos da inauguración da Escola Naval Militar de Marín, un acontecemento que, segundo valora a organización, "ocupa un importante espazo nos anais da historia da vila marinense".
A Escola Naval Militar foi inaugurada o 15 de agosto de 1943 –cuxas obras deron comezo en 1939- despois de ser aprobado o seu traslado e asentamento a Marín desde a súa anterior localización en San Fernando-Cádiz (1913-1943).
PROGRAMACIÓN
Mércores día 13 ás 20.00 horas no Museo M. Torres, conferencia a cargo do xornalista e escritor pontevedrés, Rafael López Torre que disertará sobre 'A obra faraónica da ENM' e 'O cambio social que trouxo a chegada da Armada a Marín'.
Ao final da charla entregarase aos asistentes un exemplar do libro-separata 'A Escola Naval Militar. De San Fernado a Marín. 1943-2023', con textos dos historiadores, Manuel Cendán Vilela e Rafael L. Torre.
Venres día 15 ás 19.30 horas, a Alameda 'Rosalía de Castro' será escenario do Concerto 80 aniversario que ofrecerá a Banda de Música da Escola Naval Militar baixo a dirección de Juan L. Costas Martínez.
Previamente lerase unha descrición do acto a cargo do promotor das 'Xornadas', Angel G. Carragal e farase a entrega, por parte da alcaldesa, María Ramallo, dun obsequio de recordo á Escola Naval Militar na persoa do seu comandante-director, Pedro Cardona Suanzes.
A asistencia a senllos actos, cos que colabora o Concello de Marín, é libre.