Este mércores 5 pechábase o rexistro para presentar as candidaturas aos Premios Cidade de Pontevedra 2021, un galardón que recoñece o labor que durante o último ano realizou unha persoa física ou unha xurídica para proxectar ao municipio de Pontevedra.
As catro propostas para este ano divídense en tres presentadas para persoa física e unha para persoa xurídica. Desta forma para persoas físicas, as candidaturas son as seguintes:
- Carmen Quinteiro Moreno, mestra no CEIP A Xunqueira. A proposta foi realizada polo ANPA Celso Emilio Ferreiro ao ser considerada cuarta mellor mestra nos IV Premios Educa Abanca.
- Leonor González Prieto "Nené", xubilada e activista en defensa da ría, que recentemente se converteu no fío condutor do programa 'Salvados' sobre a factoría de Ence en Lourizán. Un grupo de particulares presentaba esta opción.
- Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel, catedráticos e profesores xubilados de Lingua Galega e Literatura, que desenvolven a páxina web ogalego.eu, que en 2021 contaba con máis de medio millón de visitas. A súa candidatura tamén foi presentada por diversas entidades, entre elas varios institutos da cidade.
No apartado de persoas xurídicas, a única candidatura presentada foi:
- Club Tenis de Mesa Monte Porreiro, promovida pola empresa Fisioterapia Pontevedra S.L.
A reunión do xurado será o vindeiro xoves 13 de xaneiro. Os galardóns entregaranse nun pleno extraordinario de honra que se desenvolverá o 20 de xaneiro, aproveitando a festa de San Sebastián.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.