Máis de 650 quilos de alimentos recibiu o comedor de San Francisco este sábado, froito dunha campaña solidaria. Foran recollidos polo club Audisport-Ibérica de Pontevedra na súa cea de Nadal, preparada na véspera polo restaurante San Miguel na Casa Parroquial de Marcón.
Cada comensal tiña que levar un mínimo de un quilo de comida non perecedera, pero a maioría decidiu aumentar a cifra, e o total viuse tamén incrementado polas aportacións de dúas firmas colaboradoras: a conserveira Cermar e a estación fitopatolóxica do Areeiro.
Ademais, algunhas persoas que, malia non asistir á cea, decidiron achegar alimentos aos puntos de recollida habilitados polo club Audisport-Ibérica desde mediados do pasado mes de novembro. A xenerosidade das persoas que asistiron ao evento foi recompensada cun sorteo de agasallos cedidos polo concesionario de Audi en Pontevedra, Vepersa, e Pinturas Alborada.
O clube de amantes de Audi celebra dous actos solidarios cada ano: un en datas de Nadal e o outro en febreiro, coincidindo co seu aniversario. En ambos casos, todos os alimentos recollidos son cedidos ao comedor de San Francisco.