O Colectivo Feminista dá un paso á fronte e visibilizará casos de machismo na cidade

Pontevedra
10 de outubro 2021

Un papel máis activo parece que vai a emprender o Colectivo Feminista de Pontevedra nas súas denuncias sobre episodios de violencias machistas na cidade. A súa nova directiva avanzou que traballarán para dar visibilidade a todos os casos de machismo que se produzan

Nova directiva do Colectivo Feminista de Pontevedra
Nova directiva do Colectivo Feminista de Pontevedra / Colectivo Feminista de Pontevedra

Un papel máis activo parece que vai a emprender o Colectivo Feminista de Pontevedra nas súas denuncias sobre episodios de violencias machistas na cidade.

A súa nova directiva avanzou que traballarán para dar visibilidade a todos os casos de machismo que se produzan.

Así o decidiron nunha asemblea na que, entre outras cousas, cambiaron a directiva.

Á fronte deste colectivo estarán a partir de agora Jennifer Iglesias (presidenta), María Jesús Cuéllar (vicepresidenta), Catarina Cosque (secretaria) e Alba María García (tesoureira).

Unha das primeiras accións será seguir apoiando á nai e á filla de Poio que denunciaron abusos sexuais por parte do padrasto da nena, cunha nova concentración diante da Audiencia de Pontevedra o próximo xoves 14, día no que se retomará o xuízo contra el.

Ademais, o Colectivo Feminista de Pontevedra prevé facer un seguimento do caso do "acosador sexual" de Lourido, denunciado xa por ata seis mulleres. 

"Se nos tocan a unha, tócannos a todas", reiteran desde esta asociación feminista.