O colectivo 'Por un parque para perros digno' protesta cun paseo desde Campolongo ata as marismas de Alba

Pontevedra
28 de marzo 2014

Este grupo lerá un manifesto reivindicativo na Praza de España solicitando ao Concello que se inspire en normativas doutras cidades e comunidades nas que se establecen horarios en zonas verdes para soltar os cans

O colectivo cidadán 'Por un parque para perros digno' volverá manifestarse cunha marcha durante este sábado 29 de marzo na que van reivindicar o seu dereito a espazos habilitados en Pontevedra.

O paseo iniciarase ás 12.00 horas fronte á igrexa de San José de Campolongo cunha pequena concentración de onde logo partirá cara á Praza da Constitución e se trasladará a través da Praza de Galicia, Augusto González Besada, Riestra, Praza de España, Arcebispo Malvar, Ponte do Burgo, Domingo Fontán para finalizar no canil das Marismas de Alba, onde queren demostrar "o insuficiente" que lles resulta este espazo.

Na Praza de España, o colectivo lerá un comunicado no que solicitarán ao Concello que se inspire "en normativas doutras cidades e comunidades nas que se establecen horarios en zonas verdes para poder soltar aos cans, sen tráfico rodado nin parque infantil, como Gafos, Alameda, Campolongo, Valdecorvos, Torrente Ballester, Illa das Esculturas ou na zona verde entre Joaquín Costa e Eduardo Pondal".

O colectivo comentan que aínda non se puxeron en contacto con eles desde que fixeron petición a alcaldía para unha reunión urxente.