Converterse nun lugar de referencia para o alumnado do centro. É o obxectivo co que naceu a nova biblioteca do CEIP A Laxe, un espazo que foi remodelado por completo.
A biblioteca deste colexio de Marín foi deseñada polo equipo directivo e docente, aproveitando o espazo diáfano co que contaban, redeseñando o lugar e unindo á importancia e ao pracer da lectura outros espazos de dinamización educativa.
Unha sala para unha futura radio, outra con mesas de luz, un recuncho dedicado á música, outro á arte, un máis á robótica e á construción e un croma cun telepromter conforman a oferta educativa da nova biblioteca, que foi presentada este xoves polo equipo directivo.
A renovación da biblioteca supón un antes e un despois no aproveitamento deste espazo, que está anexo a unha aula dedicada á psicomotricidade que é utilizada todos os días polo alumnado de Infantil.
Con este proxecto, destacan desde o centro, o CEIP A Laxe mantén a súa aposta por outro tipo de ensino, aberto a novas pedagoxías, esforzo do que forma parte, entre outros programas, o club de ciencias e de robótica.